Print this page

O CCG acolle un encontro para a internacionalización da literatura galega nos mercados británico e irlandés

Rate this item
(0 votes)

Do 17 ao 19 de xuño, no Consello da Cultura Galega (CCG), celébrase a xornada A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial en apertura, organizada polo propio CCG e coordinada por Olga Castro, Laura Linares e Dolores Vilavedra, en colaboración coa AELG, a Asociación Galega de Editoras, CEDRO, o Centre for Language Research at Aston, Aston University e o Irish Centre for Galician Studies, University College Cork.

O encontro ten como obxectivos fomentar o diálogo entre as/os axentes implicados, identificar novas estratexias de acción, promocionar sinerxías entre contextos académicos e iniciativas editoriais británicas e galegas ademais de mellorar o entendemento cos organismos públicos encargados do fomento da tradución da literatura galega.

As mesas de debate da xornada “A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura” complementarase con obradoiros formativos especificamente dirixidos ás editoriais galegas e ás escritoras e escritores galegos, organizados en colaboración coa Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

A inscrición é gratuíta, mais é preciso facer a reserva cubrindo o impreso en: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200826 O número de prazas é limitado (100 persoas). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.