Print this page

O carballiñés Pablo Nogueira Campo gaña o IV Concurso Balbino de relatos coa obra Banda Sonora Orixinal

Rate this item
(1 Vote)
Pablo Nogueira Pablo Nogueira Fonte: Facebook do autor

O escritor e músico carballiñés Pablo Nogueira Campo ven de gañar o IV Concurso Balbino de relatos coa obra Banda Sonora Orixinal.

O xurado valorou de Banda Sonora Orixinal o traballado da súa estrutura, con prosas que van enlazándose entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras. Tamén salientou o xurado a calidade e eficiencia da súa escrita, así como a intelixente integración no relato de abondosas referencias ao mundo musical e literario, todo peneirado nunha atmosfera de indubidable pegada cinematográfica.

A esta edición do premio presentáronse unha vintena de orixinais. A obra gañadora será publicada por Edicións Fervenza, ao igual que en edicións anteriores.

Nesta edición o xurado estivo constituído por Carlos Loureiro Rodríguez, en calidade de Presidente; Rosalía Morlán, Ánxela Gracián e Xosé Manuel Lobato, como Vogais; e Armando Requeixo, como Secretario.

Pablo Nogueira naceu no Carballiño no ano 1987. Estudou maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente exerce de Mestre de Audición e Linguaxe no ensino público. Ten publicado os libros Nube Branca quere ser astronauta e A banda de Raimunda, ambos os dous volumes en Baís Edicións.

O Concurso "Balbino" nace coa idea de promover a literatura inspirada nas nosas tradicións, coa nosa xente, cos nosos costumes, co noso xeito de vida, coas nosas raíces... Está promovido pola empresa Técnicas & Gramaxe, S.L., coa conformidade da Fundación Xosé Neira Vilas e a colaboración da Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno de Galicia, a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vila de Cruces e Boqueixón. Paulo Nogueira sumará o seu nome ao dos gañadores dos anos anteriores, Xián Lois Alcayde con Camiños na sombra; Ricardo Cid Paz por De que falarán as árbores; e a obra Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro.