Print this page

O Arquivo do Reino de Galicia incorpora aos seus fondos cinco libros de actas da Xunta Superior Provincial do Reino de Galicia

Rate this item
(0 votes)

O Arquivo do Reino de Galicia incorpora aos seus fondos documentais cinco libros de actas da Xunta Superior Provincial do Reino de Galicia e da Deputación Provincial de Galicia, datados entre os anos 1810 e 1820. Os manuscritos foron cedidos pola familia Baltar Tojo, á que o secretario xeral de Cultura do goberno galego, Anxo Lorenzo, lle agradeceu a doazón, tanto polo valor patrimonial dos documentos como polo seu grande interese para a investigación histórica dos inicios do século XIX en Galicia.

De titularidade pública, estes libros de actas das primeiras institucións liberais de Galicia, permaneceron baixo a custodia da familia Baltar Tojo, de Santiago de Compostela, por herdanza familiar e foron atopados recentemente polo Museo do Pobo Galego, institución na que está depositada a Biblioteca Baltar desde 2009. Logo da descuberta, o Museo favoreceu a entrega dos libros ao Arquivo do Reino de Galicia, centro que custodia correspondencia, expedientes e contas vinculados coa actividade das xuntas e deputacións constituídas no noso país durante a Guerra da Independencia e, de forma descontinua, en diferentes períodos do das primeiras décadas do XIX.

Deste xeito, con estes documentos da Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa do Reino de Galicia –reconstituída a comezos de 1810 tras a saída definitiva do Exército francés de Galicia– e da Deputación Provincial Única de Galicia, órgano que a substituíu en marzo de 1813, o arquivo vén completar os seus fondos relativos ás diversas xuntas e deputacións de Galicia no primeiro terzo do século XIX.

A familia Baltar ten unha destacada e constante presenza nos ámbitos científico e cultural de Galicia desde comezos do XIX. Dentro das propiedades da Familia ten singular importancia a Biblioteca Baltar, fundada, probablemente, no século XVIII polos escribáns Lucas Baltar e polo seu fillo Francisco Baltar Mariño. A biblioteca, que foi pasando polos descendentes da familia ata chegar á custodia de Ramón Baltar Domínguez, eminente cirurxián e intelectual, beneficiouse das achegas de diferentes membros: dos Baltar Abella, dos Baltar Santaló e dos Baltar Domínguez, cuxos descendentes a cederon ao Museo do Pobo Galego en maio do ano 2009.