Print this page

O allaricense Carlos da Aira gaña o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense

Rate this item
(0 votes)
Carlos da Aira Carlos da Aira Foto: Facebook

Prender os fachos, compoñer os ósos, do poeta Carlos da Aira, foi a obra gañadora do 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, composto por Luís Tosar, poeta e presidente do Pen club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior, resolveu  por unanimidade concederlle o premio ao poeta allaricense. 

Os integrantes do xurado valoraron a súa obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.

Nacido no ano 1972 en Euskadi de emigrantes galegos, actualmente Carlos da Aira vive e escribe dende Nanín, no concello de Allariz. Membro do Comando Esbardalle desde o que intentan recuperar e potenciar a dimensión oral e pública da poesía en espectáculos de carácter multidisciplinar, Carlos da Aira dirixe desde 2014 o Poemagosto – Festival Internacional de Poesía en Allariz, e desde o 2015 o Ponme un Poema!

Prender os fachos, compoñer os ósos será o segundo libro de Carlos da Aira tras a publicación este mesmo ano da plaquette Corpo a corpo, editado por Poética Edições.