Print this page

O 20 de decembro será o Día do Himno Galego en Ponteceso

Rate this item
(0 votes)

A partir de agora, o 20 de decembro será o Día do Himno Galego en Ponteceso. A corporación municipal deste concello costamortino aprobou por unanimidade, na sesión ordinaria celebrada o luns 26 de marzo, unha moción do concelleiro nacionalista Carlos Penedo Casmartiño para conmemorar o día no que se interpretou por primeira vez o Himno Galego “como homenaxe a un símbolo respectado polas galegas e galegos e como recoñecemento das figuras dos seus autores: Eduardo Pondal, autor do texto e natural de Ponteceso, e Pascual Veiga, autor da música e natural de Mondoñedo”. Deste xeito, a partir deste mesmo ano, Ponteceso celebrará cada 20 de decembro un programa de actos institucionais que contribúan a acrecentar o coñecemento do Himno e dos seus autores, para o cal contarase coa colaboración da “veciñanza e colectivos veciñais, singularmente coa Fundación Eduardo Pondal”.

Na súa exposición de motivos, Carlos Penedo aludiu aos feitos históricos que motivaron a súa iniciativa. Así, lembrou, no ano 1890 o Orfeón Coruñés nº 4, dirixido por Pascual Veiga, organizou un certame musical e encargou a Eduardo Pondal un texto poético para a composición de partituras das propostas hímnicas. “Pondal era naquela altura o poeta nacional galego”. O poema Os pinos foi escrito nos meses de marzo e abril de 1890 e publicado pouco despois no Prospecto do Certame Musical celebrado na Coruña. Pascual Veiga interpretou en diferentes ocasións esa composición, que non foi a gañadora, a través dos coros que dirixiu até a súa morte en 1906. Pero o Himno non acadaría a súa oficialidade até a declaración como tal por parte do Centro Galego da Habana. Deste xeito, a primeira interpretación solemne tivo lugar no Gran Teatro da Habana o 20 de decembro de 1907. Desde alí chegou a Galicia e expandiuse na década de 1910 até que as Irmandades da Fala, que viñan de constituírse na Coruña, adoptárono como símbolo nacional en 1916.

Penedo sinalou tamén que a actual Lei de Símbolos de Galicia, de 1984, consagra como texto oficial do Himno Galego os 32 versos iniciais do poema Os pinos, de Eduardo Pondal, que naceu e pasou moitos anos da súa vida en Ponteceso, vinculando deste xeito á vila e a todo o concello “cun dos símbolos de Galiza, o Himno Galego, un emblema que goza do respecto e recoñecemento, alén do institucional, das xentes do país”.