Print this page

Novos membros na Real Academia Galega

Rate this item
(0 votes)

A Real Academia Galega acordou, en sesión celebrada o pasado 15 de xaneiro, nomear académico electo de honra a Carlos Alberto Zubillaga Barrera e como académicos correspondentes a Farruco Sesto Novás e Víctor Campio Pereira González.

Carlos Alberto Zubillaga Barrera, historiador, xenealoxista e docente universitario uruguaio, nacido en Montevideo en 1941. É autor dunha vastísima obra na que aborda diferentes temas de indagación histórica dende unha perspectiva multidisciplinar.

Nado en Vigo en 1943, Farruco Sesto Novás emigrou canda a súa familia para Venezuela cando contaba con pouco máis de 18 anos. En Caracas estudou Arquitectura. Cos anos converteuse nun dos profesionais máis reputados do país e gañou unha cátedra na Universidade Central. Sesto Novás, quen mantén o galego como lingua da súa produción literaria, exerce actualmente como ministro para Reconstrucción Urbana de Caracas. Farruco actualmente  está en Galicia para presentar o seu libro Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995) publicado por Espiral Maior.

Víctor Campio Pereira González, naceu na aldea de Garabás (Maside) o 15 de xullo de 1928. Estudou no seminario de Ourense e fixo a carreira de maxisterio nesa cidade. Nesa época trabou coñecemento co grupo de escritores nucleados ao redor da revista Posío, como Xosé Conde, Antón Tovar ou Pura Vázquez, mais tamén con Faustino Rey Romero. Poeta en O ar que nos leva (1987) ou Perdida Luz (2000), novelista en Baixo o sol do Magreb (1999), Víctor Campio Pereira González colabora en diversos xornais e revistas e sempre ten a defensa da lingua e da cultura galegas no seu facer diario.