Print this page

Novo recoñecemento ao poemario "Feliz Idade" de Olga Novo

Rate this item
(0 votes)
Foto: Kalandraka Foto: Kalandraka

Tras o galardón recibido o pasado ano por Tempo fósil (Chan a Pólvora) de Pilar Pallarés nos premios que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte do goberno español na súa modalidade de poesía, outra poeta galega, Olga Novo, e o seu poemario Feliz Idade (Kalandraka), volve facerse con este galardón.

O xurado do premio, escolleu esta obra “por se tratar dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis alá do tempo. O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha fonda presencia crítica da memoria histórica”. Para os membros do xurado, “a voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia, conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”.

Esta edición do premio tivo como xurado a María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, como presidenta; Begoña Cerro Prada, subdirectora de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, como vicepresidente; Inés Fernández-Ordóñez Hernández, pola Real Academia Española; Ana Romaní, pola Real Academia Galega; Sebastián García Trujillo, por Euskaltzaindia; Marta Pessarrodona Artigas, polo Institut d'Estudis Catalans; Vicent Salvador Liern, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Ana Bueno de la Peña (Ana Rossetti), pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Francisco José Díaz de Castro, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Aurelio Martín González, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Rosa M.ª García Rayego, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; Juan Carlos Pérez Mestre, polo Ministerio de Cultura e Deporte, e Pilar Pallarés, autora galardoada na convocatoria de 2019.

Feliz Idade, de Olga Novo, xa acadara hai uns días o premio da Crítica, e con anterioridade gañou o Premio Gala do Libro 2020 á mellor obra de poesía e tamén o premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de poesía do 2019. O eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cun fondo calado sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.