Print this page

Natalia Carou gaña o II Premio Vilar Ponte de Novela

Rate this item
(3 votes)
Natalia Carou Natalia Carou Foto: Facebook da autora

A escritora boirensa Natalia Carou ven de gañar a II edición do premio de novela Vilar Ponte que convoca o Concello de Viveiro pola súa novela O mal querer.

O xurado do certame, formado por Carlos Nuevo Cal, Xoán Neira e María Donapetry, actuando como secretaria do mesmo María Rosario San Isidro, escolleu como gañadora a obra de Carou de entre as 26 obras presentadas. Como finalista quedou a obra Qwerty, de Ramón Carredano Cobas.

Para o xurado, O mal querer é unha “novela redonda, moi dura, que retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector”.

Natalia Carou Figueira naceu en Boiro en 1974. Compaxina o seu traballo como asesora empresarial coa súa paixón pola lectura e a escritura. Ten publicadas as novelas O alento nas costas (Baía) e A cova da Moura (Baía), e en castelán Mariposas tristes (Harlequín).

O premio de novela Vilar Ponte nace coa finalidade, por parte do concello de Viveiro, de render homenaxe aos escritores Antón E ramón Vilar Ponte e, asemade, apoiar e difundir a literatura en lingua galega. O premio da primeira edición foi para Adolfo Caamaño pola novela Matar o heroe (Galaxia).