Print this page

Nace a revista de BD A viñeta de Schrödinger

Rate this item
(0 votes)

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e o debuxante Kiko da Silva presentaron en Santiago de Compostela o lanzamento dun novo produto cultural en lingua galega que promove a Mesa e dirixe Kiko da Silva. O produto será unha revista de banda deseñada chamada A viñeta de Schrödinger

A viñeta de Schrödinger nace para dar voz e visibilidade ás bandas deseñadas breves de autoras galegas e galegos, mais tamén para que o lectorado, tanto adolescente como adulto, poidan ler e descubrir a banda deseñada de calidade que se fai en Galicia.

Kiko da Silva anunciou que son 16 os colaboradores e colaboradoras que farán posíbel sacar unha tiraxe inicial de 1.500 exemplares con 32 páxinas a toda cor, mais que poderían ser até 100 colaboradores e colaboradoras, mostra do talento existente no país e fieis á tradición que se remonta a Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado que comezaron facendo BD no noso país.

As autoras e autores serán: Miguelanxo Prado, Fran Bueno Capeáns, Fernando Iglesias, Miguel Robledo, Fernando Llor, Miriam Iglesias ou escritores como Antonio M. Fraga, Miguel Rojo Pablo Prado, Aldara e Joan Casarramona, Zaida Novoa, Afonso Barreiro, Miguel Porto, Víctor Rivas e Kiko da Silva. Tamén haberá entrevistas internacionais que darán comezo coa neiorquina Sarah Andersen.

O nome da revista ten un aquel humorístico, dese que deixa medio sorriso, indicando que tanto a banda deseñada galega, como a lingua e a cultura galega son como o gato de Schrödinger, está aí, estamos seguros de que está, que ten que estar, mais algúns cren que está morta, mentres nós cremos que está máis viva ca nunca.

Máis información: