"Catro mulleres, catro cadeiras, catro palabras. Demasiadas poucas para soster a metade do ceo, para trenzar un espazo común, para transmitir e cambiar a lingua, para ir de nai a nai pola liña da vida. As fortes voces das poetas, das narradoras, das lexicógrafas, dramaturgas, estudosas da literatura, transformadoras da linguaxe e polo tanto da vida en xeral quedan empequenecidas no absurdo xogo das cadeiras polo cal a Real Academia Galega nos reduce á insignificancia.".
Deste xeito comeza o Manifesto O xogo das cadeiras, onde escritoras e intelectuais galegas reclaman a presenza de mulleres na Real Academia Galega. Tras os últimos nomeamentos da Real Academia Galega a homes, e tendo en conta a forza coa que soaron os nomes de mulleres como Dolores Vilavedra ou Marilar Aleixandre, e especialmente o de María Xosé Queizán, máis de cincuenta mulleres asinan este Manifesto aberto á sociedade porque, como din no mesmo: "nosoutras tamén facemos a lingua, porque nosoutras tamén a labramos, a tecemos, a enguedellamos ás vidas do cotián, ás vidas do grandioso, ás vidas propias e alleas".
Para a consecución deste fin e o recoñecemento que sen dúbida merecen, abriuse o espazo web O xogo das cadeiras, onde quen queira pode adherirse a dito Manifesto.