Print this page

Mª do Carme Kruckenberg, premio Laxeiro 2011

Rate this item
(0 votes)

A poeta Mª do Carme Kruckenberg foi galardoada co Premio Laxeiro 2011. O premio, entregado en no tradicional xantar no Restaurante Puesto Piloto de Vigo, entregouno o Presidente Delegado da Fundación Xesús López Carreira.

Mª do Carme Kruckenberg, que foi elixida por aclamación de todos os membros do Padroado, expresou o seu agradecemento e despois da entrega da estatuíña de bronce da man de López Carreira, leu un emotivo texto no que lembrou ao seu entrañable amigo Laxeiro, e os seus múltiples encontros, primeiro en Vigo, no lendario Café Derby e máis tarde en Bos Aires.

Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo naceu en Vigo o 3 de Xuño de 1926. Estuda na mesma cidade, no colexio alemán; co gallo da guerra europea non pode rematar os estudos ó pecharse o colexio. Négase a comezar de novo nun instituto, xa que ten que examinarse do primeiro outra vez. Así que estuda pola súa conta, idiomas, historias, ciencias, literatura, etc. Pódese dicir que é unha auténtica autodidacta. A meirande parte dos seus coñecementos débellos ó seu pai que infundiuna verdadeiro amor polo coñecemento.

Viaxa por América, onde coñece á intelectualidade galega no exilio, como Castelao, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Emilio Pita, Xabier Bóveda. De volta a España coñece a Vicente Aleixandre, a Dámaso Alonso, a Gerardo Diego ou a Alberti. Ten máis de vinte libros publicados, o máis recente, e en palabras da propia autora o derradeiro, A voz da auga, publicado por Barbantesa.

Os premios Laxeiro, instaurados no ano 2004, foron entregados en edicións anteriores a Francisco Fernández del Riego, Julio Fernández Gayoso, Xaime Isla Couto, Isaac Díaz Pardo, Carlos Oroza, Antón Lamazares e Xosé Neira Vilas.