Print this page

Múltiples actividades para celebrar hoxe o Día da Ilustración

Rate this item
(0 votes)

Co gallo do nacemento de Castelao, tal día como hoxe en 1886, na rúa de Abaixo de Rianxo, celébrase o Día da Ilustración. Para impulsar a conmemoración deste día, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación poñen en marcha a web http://www.diadailustracion.gal/,onde están accesibles os principais recursos vinculados coa data, entre os que destacan o cartel (creado para esta edición pola ilustradora Minia Regos) coas actividades que promoven as bibliotecas de xestión autonómica arredor deste día e mais un vídeo sobre Díaz Baliño.

Co obxectivo de difundir a vida e obra de Díaz Baliño, a AGPI elaborou un vídeo dedicado ao artista, no que se repasa a contribución desta figura de referencia para a cultura galega nas primeiras décadas do século XX. O artista tamén é o protagonista da mostra que organiza a Biblioteca de Galicia para conmemorar o Día da Ilustración, que leva por título Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada. Un total de 54 pezas conforman a exposición, que inclúe libros, debuxos, documentos persoais, fotografías e manuscritos procedentes do arquivo persoal de Díaz Baliño, custodiado na Biblioteca de Galicia, e que amosan a calidade pictórica de Díaz Baliño, quen fora asasinado polos falanxistas en Palas de Reis o 14 de agosto de 1936.

Unha caricatura de Camilo Díaz Baliño realizada por Álvaro Cebreiro, debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum con fotografías, un manuscrito e debuxos de Díaz Baliño sobre a cabalgata que se celebrou con motivo da celebración do 25 de xullo de 1926, diversos manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas por el son algunhas das pezas que se exhiben na exposición, desde o 30 de xaneiro ata o 7 de marzo. 

Outras actividades destacadas relacionadas coa celebración do Día das Ilustración está a mostra bibliográfica Debuxar polo conto, na biblioteca Ánxel Casal de Compostela; a Biblioteca Pública de Lugo exhibirá a mostra documental Castelao ilustrador; un obradoiro de ilustración a cargo de Xosé Tomás na biblioteca da Coruña ou a mostra Catro ilustradoras e catro libros: pintando a imaxinación, que se poderá contamnplar na biblioteca pública de Pontevedra son algunhas das actividades que abranguen dende obradoiros, mostras e exposicións, proxeccións, contacontos, etc. Toda a programación completa de actividades pode verse na web do Día da Ilustración: http://www.diadailustracion.gal/programacion/

Máis información: