Neste 2011 onde se lle dedica o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro o concello natal do poeta non podía deixar de preparar un programa de actividades para conmemorar este ano.
Con ese motivo o Concello de Monforte de Lemos realizará ao longo do ano unha serie de actividades en homenaxe ao escritor monfortino. Estas actividades principiarán coa exposición Lois Pereiro, camiño do futuro libremente que poderá visitarse durante os meses de abril e maio na Casa da Cultura.
O espectáculo Mundo Lois, que se estreou o pasado 4 de marzo en Vigo chegará a Monforte o xoves 28 de abril ás 20.15 h. no Edificio Multiusos. O mesmo edificio acollerá o martes 10 de maio, unha semana antes do grande día, unha Xornada de Encontro cos amigos de Lois Pereiro.
Estas actividades, organizadas polo Concello de Monforte, están patrocinadas pola Excma. Deputación Provincial de Lugo Vicepresidencia Primeira (Cultura).