Print this page

Mondoñedo homenaxea a Cunqueiro con 'A noite de Merlín'

Rate this item
(2 votes)

Mondoñedo acollerá o vindeiro 17 de decembro unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro conmemorando o 100 aniversario do seu nacemento mediante a celebración de A noite de Merlín, un acto organizado pola Asociación abrindo camiño de Mondoñedo coas colaboracións da Escola municipal de música de Mondoñedo; Asociacións de Mondoñedo: Asoc. Xuvenil Xoldra, Asoc. Pasatempo; Concello de Mondoñedo; Deputación Provincial de Lugo.

A xornada, dividida nun Preámbulo e catro actos, principiará ás 12.00 h. na Casa da Xuventude cunha táboa redonda titulada A poesía, o teatro e a fábula na obra de Cunqueiro, na que intervirán Armando Requeixo, Francisco Piñeiro e Antonio Reigosa. De seguido presentarase a edición especial de A noite de Merlín.

Xa pola tarde, ás 19.30 h., terá lugar o Primeiro Acto, no que as campás das igrexas de Mondoñedo chaman ós pobos das Terras de Miranda e os representantes das terras de Miranda acoden a chamada recorrendo as diferentes rúas da cidade de Mondoñedo e convocando a súa vez os seus habitantes.

No Segundo Acto representarase no Auditorio de Mondoñedo a obra teatral Merlín e familia. A entrada é de balde pero se precisa invitación, que se pode solicitar na Oficina de Turismo ou no teléfono 982507177.

Á 21.15 h. e tralo remate da obra teatral o mago Merlín espera ó público e á comitiva de Miranda na praza de Jaime Cabot (na saída do auditorio). Está rodeado das diversas candeas que portaban os membros da comitiva e ha de cumprir as súa petición. Cos seus prodixios enche o ceo e as rúas de luz. Este Terceiro Acto consistirá nun espectáculo de pirotécnia.

O acto de clausura, ás 23.30 h., consistirá nunha Queimada popular na praza da Catedral.