Print this page

Mañá arranca a III edición do ciclo Poesías para unha vida

Rate this item
(0 votes)

O concelleiro de Cultura de Vigo, Xesus López, presentou onte a terceira edición do ciclo de poesía Poesías para unha vida, que se celebrará no museo vigués Verbum entre o 1 e o 16 de abril. A finalidade deste ciclo é achegar ao público o mundo da poesía experimental a través de diferentes manifestacións artísticas como a música e a danza.

Poesías para unha vida  iniciarase mañá venres ás 20.00 h. coa intervención do poeta e profesor Xosé María Álvarez Cáccamo. Unha hora máis tarde terá lugar a presentación do proxecto artístico do Colectivo Bu e unha selección de propostas audiovisuais recibidas desde diferentes países ás 21.30 h. O día 2, ás 20.00 h., intervirá o poeta sonoro, actor, escenificador e programador de eventos culturais Américo Rodrigues; e ás 21.00 h. un dos creadores da poesía de acción en Francia e con gran influencia na performance e na poesía experimental contemporánea, Julen Blaine.

O dia 8 de abril, de 17.00 h. a 21.00 h. desenvolverase un obradoiro visual a cargo de Julio Fernández, aberto a calquera persoa con inquedanzas poéticas; mentre que ás 21.30 h. terá lugar "Paisaxes sonoras emprestadas", de Pedro Alba, que inclúe a emisión en directo desde o Teatre O Magatzem de Tarragona o Festival CreatSonor. O 9 de abril está dedicado á execución de accións na rúa, coas propostas de Nel Amaro, Yolanda Pérez, Domix Garrido, Ana Matey e Sergi Quiñonero. Ao remate, ás 21.00 h., está previsto a celebración dunha mesa redonda no Verbum.

O 15 de abril, ás 20.00 h., terá lugar unha acción poética de danza, a cargo de Begoña Ququejo; e ás 21.00 h. unha performance con María Roja, Fran Buceta e Berio Molina. Finalmente, o 16 de abril, ás 20.00 h. celebrarase un espectáculo radiofónico executado por Ángeles Oliva e Toña Medina, da Casa Encantada de Madrid; mentres que ás 21.00 h. desenvolverase unha performace lírica que integra música en directo e efectos sonoros, proxeccións e poesía, con Javier Montero, Luis Somoza e Emilio Papel. Ademais, o Verbum acollerá unha exposición de poesía visual e a proposta de acción transportable de Clemente Padín, titulada "Aire".