Print this page

María Goretti Fariña gaña o III Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira

Rate this item
(0 votes)

Orlando Pendurado, de María Goretti fariña Caamaño, foi a obra gañadora do III Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira. O xurado estivo composto por Manuel Bragado Rodríguez, director da Editorial Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro Fernández e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez Sampedro. Alicia Padín Otero, do servizo de normalización lingüística do Concello de Riveira, actuou como secretaria, con voz pero sen voto.

Dos 11 traballos presentados, Orlando Pendurado, presentado baixo o lema Catarina, e baixo o parecer do xurado, cumpre as esixencias da práctica narrativa e dun modo destacado domina as técnicas da literatura contemporánea. Trata de xeito orixinal un acontecemento inesperado que leva ao protagonista ao límite. A Orlando nunha situación extrema crúzanselle as principais decisións da súa vida, cun ton de drama existencial, vese abocado a tomar unha decisión que orientará o seu futuro.

A autora, amais da dotación económica do premio, verá publicada a súa obra en Xerais.

Este premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira foi acadado en edicións anteriores por Begoña Paz (As mellores intencións) e Ignacio Silva (Cara B).