Print this page

Marina Mayoral ingresará na RAG como académica de honra

Rate this item
(0 votes)
Marina Mayoral Marina Mayoral Foto: RAG

A escritora mindoniense Marina Mayoral ingresará o vindeiro 2 de decembro na Real Academia Galega (RAG) como académica de honra. A novelista e investigadora, catedrática da Universidade Complutense de Madrid, é autora dun centenar de traballos sobre diferentes autores, entre os que destacan os dedicados a Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, que a converten nunha autoridade nos estudos centrados en ambas as escritoras. Sobre a primeira versará o discurso de entrada na RAG, titulado Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía? O académico de número Xosé Luís Franco Grande será o encargado de lle dar resposta en nome da Academia.

A cerimonia, de entrada libre ata completar capacidade, desenvolverase na sede da propia institución a partir das 12.00 h.

Como escritora, Marina Mayoral é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán (dezasete novelas, cinco libros de relatos e 26 relatos incluídos en antoloxías estatais e estranxeiras) distinguida con sete galardóns. Parte dos seus títulos, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas. A súa produción literaria chamou ademais a atención da crítica e da investigación, desde as que se lle dedicou máis dunha vintena de artigos e capítulos de libro, e mereceu a súa inclusión en varias obras en linguas inglesa sobre escritoras europeas.

O articulismo é outra das facetas habituais de Marina Mayoral, autora de máis dun milleiro de columnas e recoñecida co Premio Fernández Latorre no ano 1992. O seu labor a prol dos valores culturais foi recoñecido tamén coa concesión da Medalla Castelao en 1998.