Print this page

María Rei Vilas gaña o XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros" coa súa primeira novela

Rate this item
(0 votes)
María Rei Vilas María Rei Vilas Foto: Facebook

O xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, da larachesa María Rei Vilas.

O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada por María Rei Vilas.

O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.

Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés: Marcos Calveiro, Manuel Portas, Antón Lopo, Anxos Sumai, Ana Cabaleiro, Berta Dávila… son só algúns dos autores premiados nos últimos anos aos que agora se suma o nome de María Rei Vilas. Ademais da dotación económica estipulada nas bases do premio, Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.