Print this page

María Pilar García Negro recibe a homenaxe da AELG 'A Escritora na súa Terra - Letra E'

Rate this item
(0 votes)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXIII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de María Pilar García Negro, que será homenaxeada en Lugo, terra na que naceu e se criou.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da AELG, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do/a homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Mónica Alonso), a plantación dunha árbore simbólica (un magnolio elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Este acto conta co apoio da Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e CEDRO.

“Onde está Pilar, está a Galiza”. Esta afirmación, mil veces repetida, témola escoitado nos máis variados contextos; quer nun ámbito académico, en Coimbra ou Bos Aires, quer nunha reunión internacional sobre dereitos lingüísticos en Bruxelas ou Barcelona, a palabra de María Pilar García Negro traslada sempre un explícito testemuño de compromiso, cordial e ao mesmo tempo militante, coa nosa nación. Mais tamén coas mulleres, pois o feminismo é a outra liña medular do seu discurso.

Estamos perante unha figura central da vida cultural galega desde a década de 80 do pasado século, cunha actividade incesante en cada un destes campos. Docente excelente, autora de brillantes estudos sobre sociolingüística ou literatura contemporánea, recoñecida estudosa da obra de Castelao e Rosalía, deputada no Parlamento galego… todo o seu labor, desde o académico ou o divulgativo, até o estritamente político, está orientado por unha idea de servizo á nación galega e á causa das mulleres.

Falamos dunha intelectual que aplica toda a súa forza de pensadora e talento creativo ao servizo de proxectos colectivos, á consolidación dos espazos e instrumentos de noso que, con esforzo, se foron construíndo na Galiza. Falamos da ensaísta dona dun estilo inconfundíbel, ourive da lingua.

 

Programa de actos

11.30 h. Praza de Ferrol. Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do magnolio (árbore simbólica da escritora). Intervirán: Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG; Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo; e María Pilar García Negro.

12.30 h. Salón de Plenos do Concello de Lugo (Praza Maior). Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen: Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo; Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG; Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG; e Carme Fernández Pérez-SanjuliánLaudatio. Entrega da peza escultórica da artista Mónica Alonso.

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de María Pilar García Negro.

14.30 h. Xantar de confraternidade no restaurante Torre de Núñez (Estrada N VI, Km 497)

Máis información: