Print this page

Margarita Ledo Andión recibe o Premio Otero Pedrayo 2017

Rate this item
(0 votes)
Margarita Ledo Margarita Ledo Foto:Ollo de Vidro-AELG

A escritora, académica, cineasta e catedrática Margarita Ledo Andión ven de recibir o Premio Otero Pedrayo. Ledo Andión convértese deste xeito na primeira muller á que se lle outorga o premio nos 40 anos de historia deste galardón. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, foi realizada pola Deputación de Pontevedra, entidade encargada de convocar e conceder o premio na edición 2017.

Na reunión do xurado, que tivo lugar este martes no Pazo provincial, participaron a presidenta da institución provincial, Carmela Silva; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; e o director do Museo, Carlos Valle, en representación da Deputación de Pontevedra. En representación da Deputación da Coruña asistiron a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, e a escritora Mercedes Queixas. En representación da Deputación de Lugo, a deputada de Cultura, María Pilar García Porto, e Primitivo Iglesias. En representación da Deputación de Ourense, o deputado Manuel Doval Soto, e Alfonso Vázquez-Monxardín. Por parte da Xunta de Galicia, asistiron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o escritor Luis González Tosar. Por parte da Universidade de Vigo, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; pola Universidade de Santiago, María Xesús Nogueira Pereira; pola Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro; pola Real Academia Galega, Fina Casalderrey; e polo Instituto de Estudos Galegos ‘Padre Sarmiento', Pablo Otero Piñyero.

No informe da súa proposta, a Deputación de Pontevedra destacou especialmente de Margarita Ledo Andión "a súa traxectoria vital, profesional e intelectual marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos." Tamén salientou que "foi pioneira en centrarse en investigacións e xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos en Galicia e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas." Por último, tamén se referenciou que "foi unha defensora, a través de toda a súa traxectoria, do idioma galego con valor identitario e cultural de seu, e en pé de igualdade cos demais idiomas da península Ibérica e do mundo."

Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei, Lugo, no ano 1951, e é escritora, cineasta, doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega desde o ano 2009, converténdose na quinta muller membro desta institución. Ademais ocupa a cadeira que entre 1929 e 1976 ocupara o gran escritor Ramón Otero Pedrayo.

O obxecto deste galardón é o de perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia no campo das letras e do coñecemento,  premiar un labor que constituía unha contribución eminente á cultura galega, e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións. 

A este premio poden optar as persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raizame nela, os grupos de traballo radicados no noso país ou constituídos para promover a cultura galega, e as personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega.