Print this page

Marcos Abalde faise co XX Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro

Rate this item
(2 votes)

Marcos Abalde Covelo coa obra A cegueira e Paula Carballeira co texto O refugallo son os gañadores, respectivamente, do XX Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e do VI Manuel María de literatura dramática infantil.

De acordo con este mesmo ditame, decidiuse por unanimidade declarar deserto o IX Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para públicos infantil e adulto. Os premios, que recoñecen a escrita dramática xeral e a específica para distintas categorías, son convocados anualmente por AGADIC, entidade da Consellería de Cultura e Turismo.

Nesta vixésima edición do Álvaro Cunqueiro, consolidado como o galardón de referencia para a dramaturxia en galego, o premio recaeu no vigués Marcos Abalde, un novo autor dramático que en A cegueira realiza unha “aposta arriscada a favor dun teatro poético, de gran calidade literaria, que entronca coa tradición do grotesco, da crueldade, tan frutífera na escena galega e europea”.

Estas foron algunhas das características salientadas hoxe por Anxo Abuín en nome do xurado que presidiu e do que tamén formaron parte o dramaturgo Raúl Dans, anterior gañador do Álvaro Cunqueiro; a directora teatral Cristina Domínguez; a directora e actriz da compañía Palimoco, Paloma Lugilde; o profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Roberto Pascual; e o autor Inacio Vilariño, gañador o ano pasado do Barriga Verde na categoría de teatro para rapaces.
Segundo explica o seu propio autor, A cegueira presenta un “territorio devastado pola guerra”, onde os personaxes participan nunha “cerimonia do horror” e a barbarie sementa unha historia de humillacións dun pobo que está a ser exterminado.

Con este XX Álvaro Cunqueiro, ao que optaban un total de 23 textos, Abalde pasa a integrar a destacada nómina de autores galegos que conseguiron este recoñecemento, dotándoo ao tempo dunha traxectoria de prestixio, como Raúl Dans, Manuel Lourenzo, Rubén Ruibal, Afonso Becerra de Becerreá, Roberto Vidal Bolaño ou Euloxio R. Ruibal, entre outros.

Pola súa banda, Paula Carballeira álzase por segunda vez co Manuel María de literatura dramática infantil, que xa obtivo en 2006 na que foi a primeira convocatoria do galardón. Lidos os 17 textos que se presentaron este ano, o xurado acordou conceder o premio a O refugallo, texto do que destaca o “coñecemento que demostra do oficio teatral” e, en especial, a súa xenerosidade con oficios da posta en escena como a escenografía ou a dirección escénica. O tribunal engade na súa valoración o acerto da autora á hora de conxuntar a diversión co didactismo, así como a “presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a sociedade de consumo”.

No refugallo, canda as cousas que ninguén quere, viven Isolda, Hipatia, Borboronte e Lustucrú, os catro cativos protagonistas desta historia. A súa autora adianta que se trata dunha obra sobre a “capacidade de fabulación que nos fai transformar a realidade, recreala e reinventala, coma o mesmo teatro”: “Os catro [personaxes] xogan xuntos a crear un mundo novo a partir do mundo vello e roto da súa contorna, porque son nenas e nenos, e saben ver as cousas doutra maneira”, afirma.