Print this page

Marcos Abalde Covelo recibe o VII Premio de artigos normalizadores Concello de Carballo

Rate this item
(0 votes)

Onte tivo lugar a entrega do VII Premio de artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo a Marcos Abalde Covelo polo artigo titulado Empoderármonos. O xurado do premio fixo público o artigo gañador deste certame o pasado luns 2 de maio. Segundo o xurado, o recoñecemento do artigo de Abalde Covelo débese ao «paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres». Na acta do xurado sinálase que o artigo «fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación». Ademais, «destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público». Marcos Abalde recibira xa o accésit deste premio na edición do pasado ano. O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo «Gas», do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación.

Nesta edición presentáronse un total de 48 traballos. O gañador, amais da dotación económica, verá publicado o artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia. O xurado estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista «Tempos Novos»; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.