Print this page

Manuel Rivas e John Rutherford, novos honoris causa pola Universidade da Coruña

Rate this item
(0 votes)

A Mesa do Claustro da Universidade da Coruña (UDC) decidiu por unanimidade conceder o grao de Doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña ao escritor Manuel Rivas e ao hispanista John Rutherford, dando así o visto bo ás propostas aprobadas previamente na Facultade de Filoloxía.

A UDC considerou que Manuel Rivas é o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega como pon de relevo a súa extensa traxectoria como xornalista, narrador e poeta.

A proposta de nomeamento partiu do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística que, ademais, nomeou como padriño do novo doutor ao profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Así mesmo, a Universidade da Coruña estimou que John Rutherford (Saint Alban, Reino Unido) é un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega. Rutherford formouse academicamente na Universidade de Oxford, na que se doutorou en 1969 coa súa tese sobre “Literature and society: the novels of the Mexican Revolution, 1910-1917”. Tradutor ao inglés do Quijote e La Regenta, o seu enfoque hispanista foi inclinándose paulatinamente cara a Galicia, desde que chega a Ribadeo por vez primeira en 1958. Tradutor ao inglés de Castelao e Méndez Ferrín, vén desenvolvendo un destacado labor de difusión internacional da nosa cultura. En 2008 foi nomeado académico honorario da Real Academia Galega, tendo tamén recibido outras importantes distincións: Medalla de Ouro ao Mérito nas Bellas Artes (Madrid, 1984), Medalla Castelao en 1998 e Premio Trasalba en 2007.

A figura do padriño do novo Honoris Causa será o profesor Antonio R. De Toro Santos.

A mesa do Claustro, presidida polo reitor, está formada por seis representantes de profesores doutores con vinculación permanente, dous das restantes categorías de profesorado, tres estudantes e un representante do persoal de administración e servizos. Segundo se falou na reunión, prevese que o nomeamento dos dous novos Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña se faga nun acto conxunto nunha data aínda por determinar.