Print this page

Manuel Portas gaña o XXXVII premio "Blanco Amor" de novela

Rate this item
(0 votes)
Manuel Portas Manuel Portas Foto: Santos-Díez - AELG

Manuel Portas é o gañador do XXXVII premio "Blanco Amor" de novela longa pola súa obra Por puntos. Ao certame, que organiza a Fundación Eduardo Blanco Amor en colaboración coa Deputación de Ourense, presentáronse un total de 24 orixinais.

Por puntos relata as historias de varias personaxes que coinciden nun curso para recuperar o carné de conducir. O xurado do premio destacou na súa acta a "calidade narrativa" desta novela, "que recrea unha galería de personaxes interactuando nun contexto actual e urbano", remarcando que este "retablo de tipos humanos mantén ata o final unha tensión argumental, que é a que sustenta unha trama áxil e diversa". Sobre Manuel Portas, o xurado subliña que se trata "dun autor plenamente asentado e celebrado na nosa literatura", e que a variedade de rexistros lingüísticos que presenta na obra premiada "singulariza ás persoas que interveñen no relato e achega forza expresiva e autenticidade á novela".

O gañador do premio di sentirse "fondamente agradecido por recibir o premio decano da nosa literatura, o recoñecemento máis importante que pode recibir un escritor da nosa lingua".

O Premio Blanco Amor de novela naceu no ano 1981 e estaba organizado por 52 concellos galegos. Dende o ano 2014 é a Deputación de Ourense, xunto a Fundación Blanco-Amor, quen se encarga da súa organización. Portas, ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio e unha escultura do escultor ourensán Acisclo Manzano, sumará o seu nome ao de anteriores gañadores deste prestixioso certame das nosas letras, como Daniel Cortezón, Víctor Fernández Freixanes, Alfredo Conde, Ramón Caride Ogando, Úrsula Heinze, Cid Cabido, Suso de Toro, Inma López Silva ou Luís Rei Núñez, entre outras moitas. 

Manuel Portas é escritor sociolingüística. Membro fundador da Mesa pola Normalización Lingüística é autor do ensaio Língua e sociedade na Galiza (Baía, 1991). Autor de varias novelas, acadou o García Barros do ano 2015 por Lourenço xograr (Galaxia).