Print this page

Manuel Guede, novo director do Centro Dramático Galego

Rate this item
(0 votes)

O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia Xesús Vázquez presentou hoxe a Manuel Guede Oliva como novo director do Centro Dramático Galego (CDG). O conselleiro asegurou que o novo director é “unha persoa do teatro galego, un profesional reputado das artes escénicas e un experto xestor cultural”.

Deste xeito Manuel Guede volve ao CDG -que xa dirixira dende 1991 ata 2005- tras a polémica destitución de Blanca Cendán. Dende Cultura esíxelle que guíe o rumbo do CDG, xestione os seus recursos, faga as propostas que considere pertinentes e tome as decisións que correspondan para impulsar así a actividade dunha institución clave para o teatro galego, amais de normalizar e regularizar o teatro galego, e quen deberá de ofrecer en breve unha programación escénica de calidade, plural e para todos os públicos.

Manuel Guede é autor, tradutor e director de producións. Comezou a dar os seus primeiros pasos como dramaturgo na tempada 1973-1974, cando co texto Ou Cume foi finalista do concurso de obras teatrais Abrente de Ribadavia. Nestas datas tamén colaborou co colectivo ‘Histrion-70’. En 1982, na cidade de Ourense, foi o fundador da Sala Caritel e da compañía de teatro do mesmo nome. Guede foi membro do Consello Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura entre os anos 2001 a 2004. Entre outros moitos recoñecementos, Manuel Guede gañou en 2006 o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais convocado pola Xunta de Galicia pola súa obra Ocaso Otero. Asemade, en 2011 recibiu o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña co texto A función do tequila.