Print this page

Manuel Guede gaña o Rafael Dieste de Teatro

Rate this item
(0 votes)

O autor teatral Manuel Guede Oliva, coa obra A función do tequila é o gañador da XV edición do premio de Teatro “Rafael Dieste”, instituído pola Deputación da Coruña, ao que este ano se presentaron un total de 27 orixinais.

O actor Manuel Manquiña, voceiro do xurado, destacou a coincidencia absoluta deste na selección da obra gañadora, da que subliñou a “solidez” dun texto “doado de ler e interpretar, no que se dá un xogo entre ficción e realidade”, que se desenvolve “nun espazo escénico moi atractivo”. Segundo Manquiña, na obra A función do tequila déixase notar “a experiencia dun autor que leva anos escribindo”.

Pola súa banda, o comisario do certame, o actor e director teatral Antonio Simón, gabou tamén a traxectoria profesional de Manuel Guede, ao que definiu como “un excelente autor e un home de teatro, que dirixiu o CDG durante unha época moi importante para o teatro galego”.

A obra, “baseada en feitos reais e ben documentada polo autor”, desvela que Castelao e Luis Soto foron espiados pola CIA e propón “un interesante xogo entre pasado e presente, entre realidade e recordos, e entre personaxes que varían a súa identidade, que ten a capacidade de enganchar ao espectador”, segundo afirma a acta do xurado.

Manuel Guede, que foi director do Centro Dramático Galego entre 1991 e 2005, é autor de numerosas obras de poesía, narrativa e teatro. Amais da contía económica, Guede verá a súa obra publicada e a montaxe teatral percorrerá diversos escenarios da provincia.