Print this page

Mañá comeza unha nova edición do Culturgal, que se poderá seguir en directo

Rate this item
(0 votes)

Aínda que esteamos nun ano difícil para o desenvolvemento de eventos culturais, sempre é de agradecer o inmenso esforzo que fan dende algúns estamentos para que a cultura non pare. Nese contexto, mañá empeza unha nova edición do Culturgal, a grande Feira das Industrias Culturais, que, dende a súa sede de Pontevedra, se celebrará ata o domingo 29 de novembro.

O Culturgal 2020 contará con catro espazos, dos cales só un, o Espazo Cinema, será exclusivamente presencial xa que a programación dos outros tres escenarios: Foro (Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra), Escena (Auditorio do Pazo da Cultura) e Libro (Teatro Principal Pontevedra), será retransmitida online a través de tres canles na web cultur.gal. 

O calendario de actividades engloba máis de 70 propostas culturais nos ámbitos da música, escena, literatura, arte e ciencia e terá, como a algúns dos seus protagonistas da parte máis literaria do Culturgal, a Suso de Toro, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Berta Dávila, Antón Patiño, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Lorena Conde, Elba Pedrosa, Rosalía Fernández Rial, Antón Reixa ou a Aldaolado, entre outras. A xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo Dígocho Eu da TVG, conducirá este espazo, retransmitido online desde o Teatro Principal de Pontevedra. Novidades e xéneros, conversas, os premios do ano, e, por suposto, propostas temáticas ao redor das grandes cuestións derivadas da pandemia que preocupan a creadores, empresas, institucións e sociedade, en xeral.

Nun ano coma este, a décimo terceira edición da Culturgal é o resultado da colaboración e alianzas, ademais de coas institucións públicas e o seu apoio fundamental, senón tamén coas diferentes empresas que están a sumar talentos para  facer deste un evento de referencia.  Culturgal 2020, co lema “En caso de emerxencia, cultura” está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Victor López, e da que forman parte AGE (Asociación Galega de Editoras), AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Eganet (Empresas Galegas Adicadas á Internet), AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e Escena Galega. A Feira está patrocinada polo goberno de Galicia, a través de Agadic, que conta ademais co apoio fundamental do concello de Pontevedra, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Cultura e Deporte.