Print this page

Lupe Gómez gaña o Certame de Poesía ‘Rosalía de Castro’ de Cornellà polo seu poema ‘Coplas a Lola’

Rate this item
(0 votes)

 

 

A poeta Lupe Gómez é a gañadora da XXXIV edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona), polo seu micropoemario Coplas a Lola.

Para o xurado, o traballo de Lupe “é un poemario de estrutura precisa no que, a través de coplas, poemas narrativos e versos curtos coa luminosidade conceptual dos Haiku, a autora nos mergulla na memoria comunal aldeá, nucleada ao redor da “avoa?” morta. A vivencia da paisaxe, a conciencia de clase e de xénero, a melancolía e a forza da lembranza celébranse a través de poderosísimas e inéditas imaxes”.

No mesmo certame, tamén foron galardoados co segundo premio Marcus Daniel Cabada por O Perigo de estar exhaustos e co terceiro premio a María Álvarez Martínez por Dakota: Memoria lírica da emigración. Asemade, o xurado fai unha mención especial, accésit, para o gañador da edición do pasado ano Fran Pérez Dávila por O Matrimonio é unha nasa.

O Xurado desta XXXIV edición do Certame estivo composto por Rexina Vega, Anxos Sumai, Armando Requeixo, Cristina Corral, Domingo Tabuyo e Amauta Castro, actuando como Secretario, Xulio Couxil Vázquez.

A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá leva convocando estes premios dende hai máis de tres décadas, sendo un dos máis lonxevos das nosas letras. Entre a súa nómina de gañadoras, atopamos a nomes como os de Antón Riveiro Coello, Modesto Fraga, Rexina Vega, Baldo Ramos, Emma Pedreira, Alberte Momán, Yolanda López, Miriam Ferradans, Cristina Ferreiro, Arancha Nogueira, Isaac Xubín ou Gonzalo Hermo, entre outras.