O escritor moense Luís Rodríguez Rivera é o gañador do III premio Antón Risco de Literatura Fantástica, organizado por Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Âncora Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova.
O xurado do premio, composto por César Lorenzo Gil, Lois Pérez Diéguez, Llerena Perozo Porteiro (con voto delegado) e Fausta Cardoso Pereira, gañadora da anterior edición (con voto delegado), e actuando como secretario con voz e sen voto Tomás González Ahola, en representación da Fundación Vicente Risco e Âncora Editora, resolveu outorgar o premio á obra Os mouros do Pico Sacro, de Rodríguez Rivera.
Asemade, o xurado recomendou a publicación da obra finalista Sopas New Campbell.
Este premio de literatura fantástica nace no ano 2015 coa fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández, continuador do gusto polo fantástico do seu pai, Vicente Risco. Na primeira edición o gañador foi Antonio Manuel Fraga con Querido H.P.L. e na segunda Fausta Cardoso Pereira por Dormir com Lisboa.
Luís Rodríguez Rivera nace no ano 1971 e ten publicados os libros Memorias del Hombre Buitre (Lengua de Trapo), Serás vapor antes que lluvia (451 Editores), Los Guardianes Durmientes (451 Editores) e El Incierto (Click Ediciones). Os mouros do Pico Sacro será a primeira novela que o escritor de Mos publicará en galego.