Print this page

Lugo levantará a partires de mañá unha muralla de letras e de libros

Rate this item
(0 votes)

Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Suso de Toro ou Magín Blanco serán algúns dos protagonistas que participan en Muralla de letras, unha actividade organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa finalidade de dinamizar o sector editorial e a apoiar as vendas das librarías de proximidade. A Muralla de letras desenvolverase do 11 ao 13 de decembro no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo.

Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións, conversarán co público e asinarán exemplares das obras ao longo da fin de semana. Pola súa banda, Magín Blanco, Paco Nogueiras e Paco Cerdeira “Pakolas” darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos, mentres que Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán ás mais pequenas a ler a través de historias contadas. 

Ademais, Muralla de Letras dará eco ao proxecto editorial lucense Ámboa, que aposta por publicacións que conectan a literatura galega e portuguesa.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou  “a calidade do programa, que reúne algunhas das autoras e autores máis coñecidas do panorama editorial galego en actividades con formatos e rexistros moi variados, para todos os públicos” e que fai, co título, unha chiscadela aos vinte anos da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

A organización incide que Muralla de Letras  é tamén un chamamento a mercar libros nas nosas librarías habituais nestas datas previas ao Nadal.

Dada a situación sanitaria e as restricións de capacidade dos espazos culturais, para participar nas actividades cómpre inscribirse no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., indicando a actividade á que se quere asistir e os nomes e contactos das persoas que acudirán. Se non se completa o aforo, aos dez minutos do inicio da actividade, permitirase a entrada sen reserva previa.

Máis información: