Print this page

Liñares Giraut faise co Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo

Rate this item
(2 votes)

O pasado domingo 18 fallouse en Rianxo o XXXVII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo de relatos, que organiza anualmente a Fundación do Padroado Pedrón de Ouro. Este Premio rota cada ano por un Concello de Galicia.

O gañador, coa obra titulada Corografía Obama, foi o profesor Amancio Liñares Giraut, residente en Negreira e director da editorial tresCtres Editores. Obtiveron accese as obras tituladas: Frío azul de Ledicia Costas e Eco de afasia, de Xaime Domínguez Toxo.

O xurado estivo formado por: Xosé Ramón Fandiño Veiga, Presidente do Pedrón de Ouro; Xesús Santos Suárez, que foi o Moderador; Tucho Calvo en representación do PEN CLUBE de Galicia; Agustín Agra, en representación da AELG; Esther Carrodeguas en representación do Concello de Rianxo; Anxo Angueira en representación do Pedrón de Ouro; e David Otero, que actuou como Secretario.

A entrega destes premios terá lugar o trinta de decembro ás 20.00 h. no Auditorio Municipal de Rianxo e deste acto será o mantedor literario o profesor e académico Xosé Luís Axeitos e a presenza musical do trío Vai formado por ex-membros de Fía na Roca. Neste Acto de entrega a organización conta coa presenza en Rianxo da viúva de Modesto R Figueiredo e tamén as fillas deste.

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Amancio Liñares Giraut compaxina o seu labor docente no I.E.S. Xulián Magariños de Negreira co de editor na editorial tresCtres. No seu facer investigador ten unha abondosa bibliografía, destacando os seus traballos centrados nas comarcas do Xallas e do Barcala. No eido creatico Liñares Giraut xa acadara este mesmo galardón no ano 1984 ex-aequo con Román Raña polo relato Nun cuarto para agardar.