Print this page

Literatura e gastronomía cunqueriana con A Cociña Galega con Cunqueiro

Rate this item
(0 votes)

Neste ano que celebramos o centenario do nacemento do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro o Consello da Cultura Galega presenta a campaña A Cociña Galega con Cunqueiro, coa finalidade de espallar polos restaurantes galegos a literatura cunqueiriana.

A cociña tradicional e innovadora de Galicia, a cociña de estrelas Michelín e os pequenos restaurantes vilegos, participarán por primeira vez nun proxecto conxunto de difusión e homenaxe da gastronomía galega promovido polo Consello da Cultura Galega. A campaña A Cociña Galega con Cunqueiro levará aos restaurantes de Galicia a cociña máis querida polo escritor, enraizada en boa parte no acervo gastronómico tradicional de Galicia. Deste xeito, dez mil exemplares do libro Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria chegarán aos clientes dos restaurantes de Galicia. O libro, escrito polo xornalista Miguel Vila Pernas, é un referente dun proxecto de divulgación cultural e gastronómica no que están comprometidos corenta restauradores galegos.

É a primeira vez que cociñeiros e restauradores galegos se unen nun proxecto común de divulgación gastronómico-cultural, impulsado polo Consello da Cultura Galega e coordinado por Manuel Gago, xornalista, profesor de xornalismo da USC e director do portal www.culturagalega.org

O libro e o proxecto procuran a divulgación da cociña cunqueiriana, de xeito que os restauradores comprometidos incluirán as receitas correspondentes nas súas cartas e agasallarán cun exemplar da obra aos clientes que pidan alomenos un prato baseado nas receitas do autor de Merlín e familia. A campaña nos restaurantes vencellados ao proxecto comezou o pasado 25 de maio.