Print this page

Libros ceibes polos concellos coruñeses

Rate this item
(0 votes)

A Deputación da Coruña distribuirá 6.000 libros entre os trinta concellos seleccionados para participar na segunda edición da campaña "Libros para sermos libres", co gallo do Día Internacional do Libro o vindeiro 23 de abril.

Nesta segunda edición do programa, serán os concellos de os concellos de A Capela, A Laracha, Abegondo, As Pontes, Boimorto, Boiro, Brión, Cabana de Bergantiños, Carnota, Cee, Cerdido, Irixoa, Lousame, Miño, Moeche, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Oroso, Ortigueira, Rianxo, Rois, Teo, Toques, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño e Zas, os que participen nunha iniciativa pola que cada un deles recibirá da Deputación da Coruña 200 exemplares para agasallar en actos de solta en espazos públicos.

Entre os libros cos que a Deputación da Coruña agasallará á poboación dos seus municipios, atópanse exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura, banda deseñada ou literatura infantil. Así, moitos deles resultaron premiados nos diferentes certames que organiza a Deputación da Coruña. No conxunto de volumes que se distribuirán nesta campaña tamén se atopan algunhas das últimas novidades editadas pola institución.

Na segunda das tres anualidades que integran o proxecto "Libros para sernos libre", escolmáronse un compendio de obras pensadas para chegar a todo tipo de públicos, alén das súas preferencias literarias ou da súa franxa de idade.

A solta de libros simultánea realizarase nas xornadas próximas ao día 23 de abril, en que se celebra o Día Internacional do Libro, a través de diferentes actos que os concellos organizarán co obxecto de obsequiar ás persoas que participen na actividade achegándose aos distintos puntos de reparto.

Tras a boa recepción desta iniciativa que se desenvolveu o pasado ano noutros trinta concellos, a área de Cultura da Deputación da Coruña acordou darlle continuidade a un programa que na presente edición incrementou o número de exemplares a distribuír, pasando dos 5.000 libros entregados no ano 2017, aos 6.000 volumes que se repartirán na presente edición.