Print this page

Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Rate this item
(0 votes)
Lara Dopazo Lara Dopazo Foto: Galipedia

A marinense Lara Dopazo Ruibal é a gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020, coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga.

O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”. Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”

O axolote e outros contos de bestas e auga é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.

O Premio Literario Illa Nova de Narrativa, que convoca a editorial Galaxia, ten como obxectivo estimular a creación nas autoras e autores menores de 35 anos. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa que en anteriores edicións foi gañado por Vanesa Santiago, Antía Yáñez e Abel Tomé.

Lara Dopazo é xornalista e experta en Cooperación Internacional e Desenvolvemento e en Filosofía Práctica. Ten publicado as obras Dende illa peixe (Xunta), ovella (Concello de Outes), Clementina (Edita-me), Os lobos na casa de Esaú (Chan da Pólvora) e Claus e o alacrán (Espiral Maior) e gañou, entre outros, os certames Nortear de narrativa e GZCrea, Francisco Añón e Fiz Vergara Vilariño de poesía.