Print this page

José Carou Rey gaña o XVIII Antón Avilés de Taramancos

Rate this item
(0 votes)

José Carou Rey ven de gañar, co seu libro Desvelando a Ademar Escambia, o XVIII Certame de Relato de Aventuras 'Antón Avilés de Taramancos' que convoca o Concello de Noia e organiza a revista 'Casa da Gramática' do IES Virxe do Mar.

O xurado desta edición estivo formado por Xerado Agrafoxo, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Baldo Ramos, actuando como presidente o alcalde de Noia Santiago Freire e como secretaria Oliva Fraga, responsable da Casa da Cultura de Noia. O xurado declarou o traballo de Carou Rey gañador por maioría.

Como voceiro do xurado, Antonio Piñeiro referiuse á obra gañadora como dunha “pescuda ou exploración sobre a vida de Ademar Escambia, un actor de cine fantástico que, por causas que no libro se desvelan, suicida, feito que leva a súa dona e ao seu fillo visitar a cidade de Sitges cando se celebra o Festival de Cine Fantástico, para pescudar na vida de Ademar. O libro conta cunha bonita carga de erudición, cunha bonita carga de afección cinéfila, e cunha linguaxe moi dotada, esteticamente moi apreciable, gramaticalmente moi correcta e con moito oficio”.

Aparte da cantidade económica estipulada nas bases, Desvelando a Ademar Escambia será publicado nas vindeiras datas pola editorial Toxosoutos e o gañador recibirá unha escultura do artista noiés Alfonso Costa.

O rianxeiro José Carou Rey é profesor de filosofía en Boiro e este mesmo ano acadou o premio Modesto Rodríguez Figueiredo.