Print this page

Jorge Llorca gaña o XX Premio Risco de Creación Literaria

Rate this item
(0 votes)
Xurado do premio Xurado do premio Foto: Concello de Ourense

A obra O anxo de Durero, do autor ferrolán Jorge Llorca é a gañadora da vixésima edición do Premio Risco de Creación Literaria, que convocan o Concello de Ourense e a Fundación Risco. Así o acordou o xurado deste certame, que estivo formado por Mario González, concelleiro de Cultura; Luis Martínez Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco; Andrea Fernández Blanco, tradutora; e María Fernández da Costa, profesora de lingua e literatura galegas; actuando como secretaria a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Mónica Fernández Valencia

O xurado destaca da obra gañadora “a calidade da linguaxe literaria. Un texto que seduce xa desde o inicio, convidando a acompañar a historia e as personaxes até o desenlace”. Destaca sobre todo, di o xurado, “a voz narradora, que se presenta como unha persoa de común pero ao tempo, excepcional. Tamén valoramos as descricións plásticas que trasladan dun xeito moi nítido, a persoa lectora ao interior da trama. O coñecemento e a idiosincrasia do pobo galego aparece perfectamente reflectido neste interesante relato”, subliñan tamén

Jorge Llorca une así o seu nome a autores e autoras como Xosé Carlos Caneiro, Ramón Caride Ogando, Isidro Novo, Xosé Vázquez Pintor, Alberto Ramos, Fernando R. Méndez ou Adelaida Vidal que acadaran este premio en edicións anteriores deste certame, que cumpre xa os 20 anos. O ferrolán é licenciado en Belas Artes pola Facultade de San Fernando de Madrid. Como escritor publicou relatos e artigos, foi finalista do Premio de Cuentos Estafeta Literaria, e gañador do Premio de Narracións Curtas Ateneo Ferrolán e do Premio Blanco Amor no ano 2013 coa novela O violín de Rembrandt (Xerais). No ano 2009 publicou tamén en Xerais a novela O'Salto do Can.

O certame rende homenaxe a Vicente Risco e ao seu fillo Antón. A esta edición presentáronse 20 traballos.