O xurado do XVI Premio de Tradución Plácido Castro, composto por Xavier Senín, da Fundación Plácido Castro; Ánxela Gracián, da Xunta de Galicia; Estela Villar Nogueira, da Asociación de Tradutores Galegos; Xosé Antón Palacio Sánchez, Real Academia Galega; Liliana Valado, da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; e Xulio Ríos, Presidente de Honra do IGADI, quen actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto, declararon como gañadora do premio á tradutora Isabel Soto pola tradución da obra Fosca, de Iginio Ugo Tarchetti.
O obxectivo deste premio é destacar a calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquecer o universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
O xurado salientou da tradución gañadora a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da linga orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior que poderiamos emprazar a finais do século xix ou inicios do xx. Respecto á calidade da tradución, o xurado destacou o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.
Fosca, asinada por Igino Ugo Tarchetti aínda que concluída por Salvatore Farina, editouse por entregas en Il Pungolo en 1869, ano no que tamén foi recollida en volume exento. Tarchetti foi o primeiro escritor italiano en utilizar un caso de histeria como centro para unha novela; Fosca naceu tras a experiencia dun dobre amor que el mesmo vivira. En 1863, en Varese, mantivo unha relación sentimental con Carlotta Ponti, e en 1865 coñeceu en Parma unha parente dun superior seu (Carolina ou Angiolina), enferma de histeria e epilepsia e a piques de morrer que, malia non ser en absoluto agraciada, suscitou nel unha grande atracción. O protagonista, Giorgio, narra en primeira persoa as súas experiencias amorosas, que se remontan cinco anos atrás, con dúas mulleres: Clara, a dama fermosa e serena, coa que vive unha relación feliz e pracenteira; e Fosca, unha muller fea, histérica e cunha sensibilidade enfermiza. En galego Fosca está publicada por Hugin e Munin.
Isabel Soto naceu en Vigo en 1969. Estudou filoloxía hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e reside na capital de Galicia, onde traballa como tradutora de francés, castelán, portugués e italiano ao galego. Ten traducido á nosa lingua a autores como Aldou Huxley, Michael Ende, Zola ou os libros de Astérix.