Print this page

Isaac Xubín gaña o Lorenzo Baleirón de poesía

Rate this item
(1 Vote)

O pasado sábado 10 de decembro tivo lugar a resolución do XXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca anualmente o concello de Dodro.

O xurado, formado por Valentín Alfonsín, alcalde de Dodro; Rosa Enríquez, poeta; Carlos Negro, poeta; Román Raña, poeta e crítico literario; Luís Valle, como gañador da edición do pasado ano; e Cristina Codesido, concelleira de Cultura e secretaria do xurado, decidiu por unanimidade o premio ao traballo de Isaac Xubín titulado Con gume de folla húmida.

Destacouse do traballo gañador, por parte do xurado, a tensión poética mantida ao longo do poemario, que permite a fluidez dos versos de xeito natural, cunha mistura da lingua, do tempo e da terra. Asimesmo salienta o amplo bagaxe lingüístico sen exhibicións e naturalidade.

O xurado na súa decisión resalta a calidade e a cantidade dos traballos presentados, constatando o arraigo deste premio dentro do panorama literario do país.

Isaac Xubín suma o seu nome a un dos premios poéticos máis importantes de Galicia. Un premio que acadaron en edicións anteriores poetas da talla de Gonzalo Navaza, Helena Villar Janeiro, Xosé Miranda, Isidro Novo ou Carlos Penela, entre outros.

A entrega do premio terá lugar o vindeiro 18 de decembro, ás 17,00 h., no CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, nunha velada na que haberá unha actuación musical a cargo de Campo de Estrelas e un aperitivo e onde todos e todas as veciñas do concello e visitantes estarán convidados.