Print this page

Iria Morgade gaña a VII edición do premio Biblos

Rate this item
(1 Vote)

Iria Morgade Valcárcel, de 23 anos e natural do concello de Poio é a gañadora do 7º Premio Biblos-Pazos de Galicia que se fallou o pasado 22 de xullo do 2011 no transcurso da tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos.

O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Xabier P. Docampo como titor e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.

A novela Verbas no ar, da que é autora Iria Morgade Valcárcel, resultou gañadora por unanimidade ao considerala o xurado unha obra «actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno».

Para o xurado, integrado por Xabier P. DoCampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, «a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas e nos parágrafos de pouca extensión, que procuran máis a suxestión ca descrición. Seguindo un estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario, Iria Morgade sabe o que fai disparando verbas ao ar». Segundo o fallo, Verbas no ar «amosa o texto que as florituras non son necesarias para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe tamén que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza, como ela o fai a través das palabras dun Ayat que sufre lonxe pero que o sentimos preto grazas a ese certo ton de crónica que impregna a novela».

Verbas no ar, engade, «zóupanos con imaxes duras, facéndonos partícipes á forza dunha novela real. Percíbese tamén a tentativa da autora da incitación á loita, filosofando sen cortapisas, e instigándonos a filosofar a nós tamén. Así, o sabor agridoce que nos deixa a súa lectura é un dano colateral necesario, como moitos dos que sufren os personaxes. E, á fin e ao cabo, estes danlle voz a un manifesto que debera ser universal…».

O xurado «valora tamén positivamente os outros traballos finalistas e anima a Iria Ameixeiras Cundíns e a Andrés Carrasco Solla a rematar os seus respectivos proxectos dadas as moitas posibilidades que se apuntan neles». Ambos autores recibiron cadansúa placa como finalistas. E Fina Casalderrey e Xabier P. Docampo recibiron cadansúa escultora creada por Ramón Conde para os titores do premio.

O acto concluíu coa entrega doutro galardón, o 3º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura, que organiza a asociación Pazos de Galicia e que visualiza unha escultura do artista Luís Loureira, que este ano correspondeu ao exconselleiro Vázquez Portomeñe polo seu labor de recuperación do Camiño de Santiago.