Print this page

Inaugúrase a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo

Rate this item
(0 votes)

A Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro, sita na Praza da Catedral, en Mondoñedo, abrirá as súas portas este venres 1 de marzo tras estar os últimos meses traballando no seu acondicionamento.

En pleno centro histórico de Mondoñedo, a Casa-Museo consta de tres andares. A planta baixa da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, á que se accede dende os soportais do chamado Cantón Grande, alberga a recepción aos visitantes e un punto de información turístico e acolle, ademais, na súa parte interior, a Taberna de Galiana.

O primeiro andar do edificio que habitou Álvaro Cunqueiro ao longo de tres décadas alberga, por unha banda, a cociña do establecemento hostaleiro e, por outra, na estancia que mira á praza da catedral, a chamada “sala sensorial”: un espazo onde os visitantes poderán adentrarse e tomar contacto (a través dun audiovisual dúplice) coa que é, en canto a popularidade, a obra máis coñecida de Cunqueiro. A segunda planta do edificio divide os seus espazos entre o comedor do establecemento hostaleiro (que comunica coa horta do escritor) e unha sala dedicada a explicar a súa obra literaria, tanto no que corresponde á súa faceta poética como as súas creacións máis emblemáticas como narrador ou dramaturgo.

A planta máis alta do edificio ofrécelle ao visitante espazos máis recollidos e que o acercarán á peripecia vital do autor nas décadas en que o habitou, dende finais dos anos corenta ata que traslada a súa residencia a Vigo. A estancia que mira directamente á praza e á catedral mindoniense evoca o seu círculo familiar máis achegado, entre o que creceu e desenvolveu os seus dotes innatos de fabulador.

Álvaro Cunqueiro chegará á casa situada no número 13 da Praza da catedral oito anos despois do pasamento de don Joaquín, o pai de Álvaro Cunqueiro (1941), xunto aos seus irmáns Pepe e Carmen dende a antiga vivenda da Fonte Vella. Pouco tempo despois do seu regreso a Mondoñedo en 1947, Cunqueiro instalará permanentemente a súa residencia (cara a 1949) neste inmoble do Cantón Grande mindoniense. Aquí verán a luz nos anos sucesivos algunhas das súas obras máis senlleiras, entre elas Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Las mocedades de Ulises (1960) ou Escola de menciñeiros, por poñer só algúns exemplos.

Coa inauguración da Casa-Museo celebrarase igualmente un acto de homenaxe a Álvaro Cunqueiro o mesmo venres 1 de marzo, que contará cunha ofrenda floral, a distinción de “CunqueirianoEmeritus” e maratón de lectura pública do libro de relatos de Cunqueiro Os outros feirantes.