Print this page

Inauguran a Biblioteca Popular de Aguiño-Ribeira

Rate this item
(1 Vote)

A ACRV Francisco Lorenzo Mariño, de Aguiño (Ribeira) inaugurou o pasado 31 de decembro a Biblioteca Popular de Aguiño “Aula das Letras Francisco Lorenzo Mariño”. Trátase dun equipamento cultural que estará situado no Local Parroquial (ao carón da Igrexa de Aguiño) canda o local social da Asociación.

Esta instalación funcionará como unha pequena aula das letras onde as soci@s da entidade en particular, usuarios das instalacións parroquiais e veciñ@s en xeral terán a posibilidade de consultar e levar ao seu domicilio mediante préstamo, distintas publicacións, así como algún DVDs e CDs.

Os fondos dos que se dispón ata o de agora son mais de medio milleiro de temática variada, dende historia, teatro, poesía, fotografía, pintura e enciclopedias, mitoloxía ou infantís... A meirande parte deles recibidos mediante doazóns de distintas institucións, como o Concello de Ribeira, o Ministerio de Cultura e a Biblioteca Nacional, o Arquivo do Reino de Galicia, a Universidade de Vigo, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, a Biblioteca de Pontevedra ou a Biblioteca de Ourense, entre outras. Tamén dispoñen de exemplares asinados pólo autor como é o caso de Torres Queiruga, Xosé Chao Rego, Dourado Deira, Plácido Betanzos, Ventoso Mariño, EROLO, etc.

Dende a ACRV Francisco Lorenzo Mariño está abertos á achega de fondos bibliográficos de calquera institución ou persoa que queira doalos, polo que poden facelo poñéndose en contacto con nós no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou envialos a: R/ Mestre Xosé Sans, 21, 15965, Aguiño, Ribeira, A Coruña.

Esta Asociación Cultural, Recreativa e Veciñal sen ánimo de lucro fundouse no ano 2005 coa intención de promocionar a cultura e defender os intereses da cidadanía e do pobo de Aguiño, así como contribuír á difusión da labor incansábel do ilustre galego que nos da nome, Paco de Aguiño (Párroco de 1959 a 2004).