Print this page

Hoxe inaugúrase a Semana do Libro de Compostela

Rate this item
(0 votes)

A céntrica praza da Quintana acollerá, dende hoxe e ata o vindeiro domingo 11 de xuño, a SELIC, a Semana do Libro de Compostela.

A Quintana acollerá máis de trinta postos, de librarías e editoriais, pero tamén de institucións como o Concello, o Consorcio, o Auditorio, a Fundación Granell ou o Museo do Pobo Galego.

Entre as actividades que se desenvolverán na SELIC están as cincuenta presentacións distintas, que traerán ata a capital de Galicia a autores como Diego Ameixeiras, Antonio Fraga, Marga Tojo, María Canosa ou María Reimóndez. Nalgúns casos, os formatos serán innovadores, con presentacións cruzadas, mesas redondas ou conversas entre autores.

En canto ás sinaturas de libros, están previstas un total de vinte, con autores como Luz Darriba, María Solar, Inma López Silva, Miguel Anxo Fernández ou Jorge Emilio Bóveda.

Pero a SELIC tamén está concibida como unha actividade para toda a familia, e por iso a praza da Quintana terá un espazo de animación infantil, con actividades lúdicas conducidas por unha monitora. Tamén están organizadas diferentes actividades pensadas para os nenos e nenas, de balde pero con aforos limitados.

Haberá un espazo, chamado "Terra de Libros", para que os máis pequenos recreen contos, e está prevista unha actividade para que os cativos realicen un relato ilustrado sobre o Camiño de Santiago seguindo as pautas do xogo da oca. Ademais, haberá unha ruada de percusión con Trópico de Grelos e, ao abeiro da SELIC, está prevista a representación no Teatro Principal, o sábado, de A nena e o grilo nun barquiño, con Magín Blanco.

Entre as actividades paralelas da Semana do Libro tamén figuran percorridos guiados para amosar a Compostela máis literaria. O programa inclúe unha visita ao DIDAC, o Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas; un percorrido botánico pola Alameda guiado polo biólogo Martín Souto, coautor da Guía Verde de Santiago; un itinerario troiano dramatizado ou unha visita ao Museo do Pobo Galego.

Enmarcado na SELIC presentáronse onte os primeiros cinco volumes da Colección SELIC. Nun deles recóllense dous títulos diferentes: Charanga da lúa primeira, de Roi Vidal, e O cavaleiro do Monte Pedroso, de Carlos Quiroga. Tamén forman parte da colección Cabeleira de pedra, de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes; Aquí somos así, positivamente, de Suso de Toro; Laxes de Vrins, de Mariña Pérez; e Os últimos indios, de Patricia Janeiro. Todos os autores participaron na presentación da colección. No seu nome, Suso de Toro agradeceu a iniciativa do Concello porque "é importante crear unha biblioteca da cidade". O escritor considerou que ter unha colección propia "é unha idea moi acaída para Compostela, porque é a cidade da linguaxe e das cantigas e na que se ampararon figuras literarias tan importantes como Rosalía de Castro ou Ramón María del Valle-Inclán".

No acto de presentación tamén participou Paco Macías, membro da Mesa do Libro que impulsou a organización da Semana do Libro de Compostela xunto co Concello. Para el, "é moi importante que a SELIC sexa tamén unha xeradora de propostas ao redor do sector do libro, como esta colección específica". O libreiro tamén recoñeceu que "a Mesa do Libro está pensando xa na próxima edición da Semana do Libro de Compostela, porque a intención é que esta iniciativa permaneza e medre". O obxectivo último, dixo Paco Macías, "é que Santiago sexa declarada oficialmente Cidade Literaria pola Unesco".

 

Máis información: