Print this page

Homenaxe no Bierzo a Antonio Fernández Morales no seu segundo bicentenario

Rate this item
(0 votes)

O 15, 16 e 17 de setembro as localidades de Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos acolleran, respectivamente, o amplo programa de actos que configuran o Simposio do Bicentenario de Antonio Fernandez Morales / XI Xornadas de Autor IEB Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo, organizado polo Instituto de Estudios Bercianos (IEB), a Comisión Cultural Martín Sarmiento e a Real Academia Galega (RAG).

A axenda abrirase o venres 15 ao serán na Casa da Cultura ponferradina coa inauguración da exposición conmemorativa e coa apertura oficial do simposio, ás que seguirá a conferencia inaugural Unha nova visión da vida de Antonio Fernández Morales impartida polo profesor J. A. Balboa de Paz e a actuación musical de Carmen Penim e Maurizio Polsinelli (2naFronteira).

Xa o sábado 16, a xornada de mañá, no Teatro Gil y Carrasco de Vilafranca, inclúe unha sesión sobre a obra Ensayos poéticos en dialecto berciano e intervencións dos profesores Rosario Álvarez, Héctor Silveiro e Anxo Angueira, así como comunicacións, pola tarde, de Andrea Castelo, Xosé Henrique Costas e Juan Carlos Pérez.

O domingo 17 o Museo MARCA de Cacabelos acollerá a derradeira xornada con comunicacións de José Luis Puerto, Héctor Luis Suárez e Javier Fernández-Llamazares, previas ao acto de clausura cun recitado do profesor e escritor Anxo Angueira e unha ofrenda floral na tumba de Fernández Morales coa intervención musical da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.

Nado en Astorga o 17 de setembro de 1817 e criado no concello berciano de Cacabelos, onde aprendeu galego sendo neno e finou o 15 de agosto de 1896, Antonio Fernández Morales foi militar ilustrado e progresista. O escritor é autor de Ensaios poéticos en dialecto berciano, volume integramente en galego, agás un longo poema bilingüe. A obra, un excelente retrato do galego berciano da época, viu a luz en 1861, só uns anos despois d'A Gaita Gallega de Pintos (1953), o primeiro libro en galego do Rexurdimento, pero antes do Álbum de la Caridad (1862) e dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1863).

Máis información: