Print this page

Homenaxe ao poeta Antonio Fernández Morales en Cacabelos

Rate this item
(1 Vote)

Mañá sábado 17 de xuño organízase en Cacabelos un acto para conmemorar o legado do poeta Antonio Fernández Morales.

Fernández Morales naceu en Astorga en 1817, pero moi pronto el máis a súa familia trasladáronse a Cacabelos, onde medrou nas súas rúas e veigas e, cos outros nenos das ribeiras do Cúa, aprendeu a falar galego. Foi un militar liberal, moi comprometido co movemento antiabsolutista, gran defensor da razón, do progreso, das ciencias e da industrialización, sobre todo da súa terra berciana. Foi un escritor amante da lingua e os costumes populares bercianos e asemade un home culto e ilustrado, gran coñecedor da cultura clásica e humanística.

En 1860 publicou en El Esla o seu primeiro poema en galego, O fiandón da aldea. En 1861 publicou Ensayos poéticos en dialecto berciano, o segundo libro escrito en galego no Rexurdimento despois d' A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Foi prologado por Mariano Cubí, e está composto por 8.000 versos distribuídos en 15 poemas en galego e 1 bilingüe castelán-galego.

O Concello de Cacabelos e moitas outras institucións e asociacións bercianas téñense dirixido en anos anteriores á Real Academia Galega solicitándolle a concesión do Día das Letras galegas a Antonio Fernández Morales.

Este sábado o grupo As Médulas, a Xunta de Galicia, o concello de Cacabelos, o Consejo Comarcal del Bierzo, Moncloa de San Lázaro e o Instituto de Estudios Bercianos organizan esta homenaxe a Antonio Fernández Morales nunha xornada que dará comezo ás 11.30 h. na rúa Santa María, a carón da casa do escritor, onde terá lugar a presentación da homenaxe a cargo de Manuel González Prieto, membro do grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo.

De seguido haberá discursos a cargo de Alfredo García Albá, en representación do Concello de Cacabelos; Luis Alberto Arias e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo; Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor; e Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística do goberno de Galicia.

A finalización recitaranse poemas de Antonio Fernández Morales a cargo de Eduardo Nieto Campelo, estudante en Vilafranca; Fernando Alba Carballo e Jenifer Mauriz Rodríguez, estudantes de bacharelato no IES Bérgidum Flávium, Cacabelos; Ana Carballo González, en representación do Instituto de Estudios Bercianos; Carme Prieto Guibelalde, membro do grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo. O grupo 2naFronteira musicarán os versos do poeta.

Ás 12.30 h. en La Moncloa, inaugurarase a exposición Fernandez Morales hoxe: Creacións e recreacións e a presentación da obra Antonio Fernández Morales. Autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017). Contarase coa presenza de: Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo; Xosé Henrique Costas, académico correspondente da Real Academia Galega; e Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.