Print this page

Homenaxe a Xabier P. DoCampo dende a voz dos amigos

Rate this item
(0 votes)
Docampo e Cobas Docampo e Cobas Foto: AC Alexandre Bóveda

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e mais a Asociación de Escritoras en Lingua Galega honran a memoria do escritor Xabier P. Docampo cunha homenaxe en forma de tres conferencias baixo o lema de Xabier P. DoCampo na voz d@s amig@s para rematar cun grande acto que se desenvolverá o 29 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A primeira das conferencias será a ofrecida por Xosé Cobas, con título Parella de feito. Será hoxe ás 20.00 na sede da A. C. Alexandre Bóveda. Xosé Cobas foi amigo persoal e ilustrador da meirande parte da obra de Xabier P DoCampo. Como traballaron xuntos dous grandes da creación, Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas? Como foi o día a día diso que denominamos “parella de feito” na elaboración de tantos libros fermosos? Conversaremos con Xosé Cobas sobre o traballo feito en común, como unidos polo lirismo e a imaxinación estes dous creadores, cun vínculo moi íntimo de forte amizade, e cheos de coñecementos e experiencias crearon para o noso goce memorables historias que nos convidan a gozar do pracer da lectura.

O 3 de abril estará Mª Jesús Fernández para falar de Xabier P. DoCampo, Tradición e modernidade. Mª Jesús Fernández comparte con Xabier P. DoCampo a profesión de mestra, unha longa amizade e o amor común polas palabras soñadas e contadas á xeración máis moza. Ela é, como unha das primeiras lectoras da obra do noso escritor, grande coñecedora da evolución da obra literaria de Xabier P. DoCampo, convertida hoxe na obra dun pioneiro, un dos pais da Moderna Literatura Infantil e Xuvenil de Galiza.

Para rematar, o mércores 10 de abril, Martin Pawley ofrecerá o faladoiro O cinema de Xabier: do Ladrón de bicicletas ao Fío invisíbel. Xabier P. DoCampo foi un grande cinéfilo, e ademais un cinéfilo consciente, alguén que coñeceu e reivindicou a especial natureza da linguaxe fílmica. Unha vida son miles de películas; entre todas elas, paga a pena recordar algunhas imaxes, algúns recordos, algunhas experiencias compartidas.

Todas as palestras desenvolveranse ás 20.00 h. na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos, 16) da Coruña.

Mestre, escritor, pedagogo, creador de mundos, contacontos, promotor e defensor da cultura e da lingua galega, tamén actor e guionista de radio e televisión. Amigo das conversas, do cine. Bo e xeneroso. Humanista. Xabier P. Docampo faleceu hai agora case un ano con tan só 72 anos tras acadar durante décadas o agarimo e recoñecemento de lectores e crítica.