Print this page

Homenaxe a Víctor Campío

Rate this item
(0 votes)

O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu a presentación da publicación Quince sonetos de amor e once poemas máis, unha antoloxía sobre a obra de Víctor Campio que busca contribuír ao recoñecemento da traxectoria literaria do escritor e á difusión da súa poesía.

O profesor, escritor e académico Xesús Alonso Montero é o antólogo da obra, que foi promovida pola Xunta de Galicia e pola Deputación Provincial de Ourense.

O director xeral do libro, Francisco López, definiu a Víctor Campio como “un extraordinario poeta, que xa ten un lugar na lírica contemporánea exclusivamente coa forza da súa obra”. Tamén destacou a súa satisfacción como ourensán por participar na presentación de Quince sonetos de amor e once poemas máis, “unha compilación entendida como unha forma de regreso que lle devolve á súa pequena patria o que xurdiu dela”.

A traxectoria de Víctor Campio

Víctor Campio Pereira González nace na aldea de Garabás, concello de Maside, o 15 de xullo de 1928. Estudou no Seminario de Ourense e, posteriormente, fíxose mestre. Anos despois, estudou a especialidade de Filoloxía Hispánica na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid. Foi profesor de Lingua e Literatura españolas durante anos no Instituto das Lagoas de Ourense.

“Aínda que Víctor Campio xa figura con letras de ouro no libro de honra da literatura galega pola súa condición de poeta, de alto e nobre poeta”, como asegura Alonso Montero, tamén é autor con outras facetas: articulista nos medios impresos, narrador e adaptador de obras teatrais. Boa parte da súa recoñecida obra poética viu a luz en revistas, volumes colectivos e en opúsculos de pouca difusión, situación que se mantivo no tempo ata que, en agosto de 2008, saíu do prelo O aire, a luz e o canto, poemario no que se reúne, baixo o selo editorial do PEN Club Galicia, o froito do seu labor poético entre os anos 1987 e 2006.