Print this page

Guerrilla poética nas rúas de Ferrol durante a Semana de Poesía Salvaxe

Rate this item
(0 votes)

Regresa ás rúas de Ferrol a Semana de Poesía Salvaxe, que celebra neste 2018 a súa décimo primeira edición. Durante catro días as rúas, teatros, mercados, pubs, tabernas, prazas e instalacións como o Ateneo de Ferrol ou a Fundaçom Artábria encheranse de lecturas ao aire libre, actuacións musicais e recitais de poemas da man de destacados poetas e escritores.

A XI Semana de Poesía Salvaxe iniciarase mañá mércores 25 de abril, ás 18.00 h. cunha proclama poético-política a cargo de Guillermo Ferrandez, Victor M. Diez, Karlotti e Xurxo Souto, rematando cun recital de poetas locais no Kiosko da Música, Cantón De Molins

Deseguido, ás 20.00 h., celebrarase no Teatro Jofre un dos actos centrais desta Semana, un recital poético a cargos das poetas Iolanda Zúñiga, María do Cebreiro, Judite Fernandes, Eva Veiga e Estíbaliz Espinosa. Haberá tamén unha lembranza á Revolução dos Cravos.

Será o inicio de catro días de gran intensidade poética en diversos espazos ferroláns. Ata a cidade ártabra chegarán ao longo dos catro días da Semana de Poesía Salvaxe poetas como Rosalía Fernández Rial, Lois Pérez, Javier Semprún, María de Mallou e Lucía Aldao ou Alberte Momán, entre outras moitas voces poéticas.