Print this page

Gonzalo Hermo faise co XVI Premio de Poesía Afundación

Rate this item
(0 votes)
Gonzalo Hermo Gonzalo Hermo Foto: Afundación

Gonzalo Hermo, poeta de Taragoña (Rianxo), gaña a XVI edición do Premio de Poesía Afundación, á que se presentaron un total de 31 obras. O xurado, composto polas escritoras Alba Cid e Estíbaliz Espinosa (gañadora da anterior edición); Xosé Ramón Pena, escritor; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, decidiu que A vida salvaxe de Gonzalo Hermo fose o traballo gañador desta nova edición. 

A vida salvaxe ofrece “desde a sobriedade e a contención –en palabras do xurado­– un regreso á natureza que incorpora o autobiográfico e o metapoético”. Esta obra entronca –engaden– “con poéticas abertas na creación contemporánea tanto na súa busca do salvaxe coma no recurso dun misticismo estético”. Quen integraron o xurado destacaron así mesmo que a variedade de liñas poéticas que ofrece o conxunto dos traballos presentados “constatan o actual intre creativo”.

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente vive en Cataluña, onde é profesor asociado da Universitat Autònoma de Barcelona e imparte o curso anual de poesía da Escuela de Lletres de Tarragona. Publicou dous libros de poesía: Crac (Barbantesa, 2011) e Celebración (Apiario, 2014), traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017). Recibiu os premios Xuventude Crea da Xunta de Galicia en 2010, o Premio da Crítica Galega en 2015 e o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova «Miguel Hernández» en 2015. Exerceu puntualmente como crítico literario para diferentes medios e como tradutor de poesía galega contemporánea. É membro fundador da editora-librería-espazo de creación Chan da Pólvora, con sede en Santiago de Compostela. 

Ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, A vida salvaxe será publicada nos vindeiros meses na colección «Arte de trobar». Hermo sumará o seu nome ao dos gañadores anteriores deste premio, onde figuran poetas coma Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña ou Estíbaliz Espinosa, gañadora da anterior convocatoria.

Este premio está organizado pola Afundación e o Centro PEN Galicia, e conta co apoio e a participación do goberno de Galicia.