Print this page

Galicia queda sen un dos seus referentes culturais

Rate this item
(1 Vote)

O Mestre Isaac deixounos no día de onte tras varios días ingresado no Complexo Hospitalario da Coruña. Con Isaac Díaz Pardo Galicia non só perde a unha figura fundamental para a cultura do país, senón quen sen o seu labor ao longo da longa noite de pedra, Galicia sen dúbida non sería o que é hoxe.

Traballador infatigable, con el desaparece un dos últimos representantes dunha xeración de intelectuais e emprendedores galeguistas que marcaron a historia de Galicia no século XX. Fillo do vilmente asasinado pintor Camilo Díaz Baliño, Isaac desenvolveu un multifacético traballo intelectual e empresarial como escritor, pintor, ceramista, deseñador ou editor.

Procurou dende sempre a modernización e progresión de Galicia, e abofé que o logrou. Sendo el mesmo pintor universal, as súas cerámicas e as galerías Sargadelos espalláronse polo mundo adiante. Pero tamén temos exemplos da súa xenerosidade cara Galicia, velaí están o Instituto Galego de Información, a editorial edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, o Museo Carlos Maside, etc.

Ao longo da súa vida recibiu moitas distincións e recoñecementos, como o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela, o Premio Otero Pedraio, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, Premio Trasalba, a Vieira de Prata do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, a Medalla de Ouro de Galicia ou a Medalla ao Traballo, entre moitísimos outros.

A súa capela ardente estará ao longo desta mañá no Museo do Pobo Galego de Compostela e pola tarde será soterrado no cemiterio de Boisaca.

Dende Fervenzas Literarias queremos mandar unha fondísima aperta a toda a súa familia e achegados.