Print this page

Galicia celebra mañá xoves o Día da Ilustración

Rate this item
(0 votes)

Mañá xoves celébrase o Día da Ilustración, unha data promovida polo goberno de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. Este ano, o Día da Ilustración está dedicado ao ilustrador e escritor Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902- Castro Caldelas, 1942).

As cidades e moitas das vilas galegas acollerán multitude actividades que ten como centro a ilustración. Deste xeito, o 30 de xaneiro inaugurarase a exposición Signos dunha quimera na Biblioteca de Galicia que permanecerá aberta ao público ata o mes de maio.

A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela ofrece aos seus visitantes unha mostra sobre a ilustración galega, e o día 30 ás 18.30 h. desenvolverase un obradoiro de introdución á banda deseñada para nenos con Jorge Campos.

Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés, mantén aberta a mostra Ilustradores de libros de animais do mar, e o 1 de febreiro ás 12.00 h. albergará o taller As imaxes contan.

En Ourense, a Biblioteca Pública conta cunha exposición sobre Grandes ilustradores ata o 31 de xaneiro. O día 30 levarase a cabo un obradoiro de ilustración ás 18.00 h. con Filantropina e, posteriormente, ás 19.00 h. terá lugar un encontro co ilustrador Pablo Otero.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra contará cun contacontos ilustrado o 31 de xaneiro ás 18.00 h. e, ata o 10 de febreiro, mantén aberta unha exposición sobre o homenaxeado deste ano.

Vigo, a través da Biblioteca Pública Juan Compañel, contará co obradoiro Mundos ilustrados con Aurora López o 30 de xaneiro ás 18.30 h.; e cunha charla coloquio sobre os Primeiros pasos no mundo da ilustración impartida por Laura Núñez o 1 de febreiro ás 12.30 h. Así mesmo, ao longo deste mes e ata o 15 de febreiro os nenos que visiten a biblioteca poderán visitar a mostra Elas pintan moito: 10 ilustradoras galegas.

A Biblioteca Pública de Lugo ofrecerá o día 31 de xaneiro o obradoiro Laboratorio zoo-ilóxico da man de María Lires ás 18.00 h.

A Biblioteca Municipal de Ferrol acolle o 30 de xaneiro, ás 19.00 h., unha Homenaxe a Cándido Fernández Mazas a cargo de Quico Souto (profesor de debuxo artístico no IES Concepción Arenal de Ferrol) e o ilustrador Carlos Sardiña.

Pola súa banda, Allariz ofrece un programa propio con Allariz Debuxado, o IV Festival da Arte da Ilustración.

Toda a información sobre o Día da Ilustración e a súa programación pode consultarse na páxina web https://www.diadailustracion.gal/.